|
A finais do ano 2000 a UNESCO inscribiu oficialmente a Muralla de Lugo na lista de monumentos declarados Patrimonio da Humanidade. Esta fortificación de máis de dous quilómetros de circunferencia é a única de orixe romana no mundo que conserva íntegro o seu percorrido.
A Muralla abraza todo o recinto histórico, e pódese percorrer na súa totalidade polo seu adarve, paseo elevado sobre ela, que se atopa a 12 metros do solo. De día é o mellor miradoiro sobre a cidade vella; de noite, grazas a unha discreta iluminación, é un poético paseo con moito misterio.
O viaxeiro que se achegue a Lugo poderá gozar ademais de importantes recursos patrimoniais da época romana: os restos arqueolóxicos musealizados na Casa dos Mosaicos, o Museo Provincial, o Centro de Interpretación da Muralla, o Centro Arqueolóxico de San Roque, a Sala de Exposicións Porta Miñá, as Termas Romanas e o Santuario de Santalla de Bóveda. Imprescindible tamén é a visita á maxestosa Catedral de Santa María, que ten o privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento.
|
|