|
Polbo á feira
Ingredientes:
Polbo
Sal gorda
Aceite de oliva
Pemento picante
Elaboración:
A preparación comeza co mazado do peixe, que consiste en golpealo repetidamente para abrandalo. Isto substitúese actualmente polo conxelado durante uns días, que produce un semellante efecto nas súas febras.
A cocción debe facerse nun recipiente grande -preferiblemente de cobre- con auga abundante. Cando a auga ferve a cachón métese o polbo, sen soltalo agárdase un minutiño e sácase de novo, tense uns segundos fóra e vólvese meter na auga. Repítese esta operación unhas tres veces, pois ten por obxecto o cambio alternativo de frío a calor para que a pel se contraia e non se desprenda da carne ao cocer. A continuación déixase cocer a lume vivo uns 20-25 minutos (contados desde que volva ferver), aínda que isto vai en gustos, e no interior prefírese máis ben duro, de querelo brando hai que telo media hora. Rematada a cocción déixase repousar cinco minutos ou así, que arrefríe un pouco, pero non de todo.
O picado faise cunha tesoira axeitada, en toros dun centímetro a dous segundo vaia minguando o gordo dos rabos, e bótase sobre un prato de madeira, ou se non nun recipiente de barro.
Por último, o adubado faise con sal gordo (ou dese que se vende como medio-gordo ou "picado"), aceite de oliva de boa calidade e pemento picante. O acompañamento do polbo é en moitas zonas de cachelos (patacas cocidas sen mondar).
 |
 |
Carne ao caldeiro
Ingredientes:
Carne fresca de tenreira (faldra)
Patacas
Aceite de oliva
Sal gordo
Pemento picante
Elaboración:
Cócese a carne en auga con sal, que se lle bota tamén no adubado (e pódeselle botar unha folla de loureiro). Cocer durante uns corenta minutos, aproximadamente, segundo tamaño e clase da carne. Cando leve uns vinte xúntanselle as patacas, estonadas e picadas grandes, para que estea todo feito ao mesmo tempo.
Escórrese, sérvense nos pratos carne e patacas, e adóbase individualmente con sal gordo, aceite de oliva, e pemento picante, todo coas cantidades ao gusto de cada quen.
Caldo galego
Cocido galego
Lacón con grelos
Filloas
|